Saturday 04 de May de 2024

O edil de Cultura presenta a segunda edición do festival Intersección na Fundación Luis Seoane


O Festival de Arte Audiovisual Contemporánea terá lugar do 24 ao 27 de outubro na fundación coruñesa

O concelleiro de Cultura e Educación, Jesús Celemín, asistiu ao acto de presentación da segunda edición do festival Intersección, Festival de Arte Audiovisual Contemporánea, que terá lugar do 24 ao
27 de outubro na Fundación Luis Seoane da Coruña, xunto a Silvia Longueira, directora da Fundación Luis Seoane, e Gonzalo Veloso, director de Intersección.

Celemín convidou todas as coruñesas e coruñeses a asistiren ao festival e desexou que este “se converta nun festival de referencia na cidade”. O edil tamén valorou a dirección de Silvia Longueira na Fundación Seoane por “estar sempre aberta a acoller e divulgar a arte contemporánea”.

As figuras protagonistas desta segunda edición serán o norteamericano J.P. Sniadecki, a portuguesa Salomé Lamas e a valisoletana Dora García.

O artista J.P. Sniadecki, especialista en formatos de non-ficción ao redor de problemáticas identitarias relacionadas coas migracións, presentará no festival as premiadas “El mar la mar”, “Foreign Parts” e “Yumen”. Intersección 2019 tamén acollerá a estrea de “Extraction: The Raft of the Medusa”, a última obra da portuguesa Salomé Lamas, unha das máximas expoñentes actuais da arte audiovisual lusa.

Pola súa banda, a valisoletana Dora García, unha das artistas máis representativas do panorama contemporáneo nacional e internacional, exhibirá a súa última longametraxe, “Segunda Vez”, premiada en FID Marsella, ademais dunha sesión de obras curtas.

Intersección, que contará tamén cunha sección adicada á arte audiovisual contemporánea galega, entre outras das seccións que completarán o cartel desta segunda edición, aposta este ano polo desenvolvemento de proxectos creativos a través da iniciativa Intersección Lab, unha mesa de traballo para a que serán seleccionados tres proxectos e que estará coordinada polo artista Enrique Lista.